Saturday 04 de May de 2024

Servizos Sociais pon en marcha un programa de difusión en tódalas parroquias do Concello


O tenente de alcalde, Vicente Mariño e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, presentaron hoxe na Casa do Mar de Palmeira o novo programa de información e difusión dos Servizos Sociais Comunitarios no Concello.

Con esta iniciativa preténdese “achegar a información ao cidadán e aos grupos da comunidade co fin de que reciban unha axeitada información e asesoramento sobre os recursos sociais, así como detectar as necesidades sociais reais para xerar novos recursos.” explicou o concelleiro Mariño.

Deste xeito, procederanse a colocar soportes con dípticos informativos en lugares de interese e maior afluencia como o Centro de Información á Muller, a Casa do Concello, C.C. Lustres Rivas, Hospital do Barbanza, Centros de Saúde de Ribeira, Palmeira, Aguiño e Corrubedo, instalacións da Policia Local e Nacional, Escola Infantil Municipal, CEMIT, Viveiro de Empresas, Biblioteca Municipal, Museo Municipal, Complexo Deportivo A Fieiteira e as casas da cultura das parroquias de Olveira, Carreira, Castiñeiras, Centro recreativo de Artes, Oleiros e Aguiño.
“A través desta campaña de difusión preténdese garantir e facilitar que toda a poboación dispoña da información necesaria sobre os recursos sociais do Concello, así como detectar as necesidades; para poder prestar axuda e colaboración aos grupos máis vulnerables.” explicou o alcalde Luís Pérez. O rexedor destacou asimesmo os servizos de apoio e educación familiar, vivenda alternativa, o programa de exclusión social, ou o servizo de cooperación e soliedariedade social que o Concello presta en colaboración con outras entidades sociais do Concello; co que se pretende que “prestar unha atención de calidade a toda a veciñanza que precise un respaldo social” .

Deja un comentario